Mostrando entradas con la etiqueta Actividades complemetarias. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Actividades complemetarias. Mostrar todas las entradas

martes, 11 de febrero de 2020

NANA PARA UN SOLDADO


    "A guerra non é un lugar. A guerra non chega nin se vai, está aí. ,... habita nos corazóns atrincheirados e nas mentes con metralla..."  

     Hoxe tivemos a oportunidade de comprobar  este atinado parágrafo ao acudir á representación da obra "Nana para un soldado", escenificada polo grupo de teatro Os Ghazafelhos.

     Antes de irmos ao teatro, non só aproveitamos para xogar no Parque de Castrelos, senón tamén para merendar ao aire libre. Que ben presta!



Compartindo momentos ...




viernes, 8 de noviembre de 2019

CHARLA SOBRE HIXIENE BUCODENTAL

     Os venres, día 25 de outubro e día 8 de novembro, recibimos a visita das alumnas de 2º curso de    Hixiene bucodental do  Centro Fillas de María Inmaculada de Vigo. Estas cinco estudantes, Paula  Cabañas Díaz, Teresa Lorenzo Pazo, Raquel Porto Portomeñe, Paula Fraiz Fernández e Tania Mª Garrido Fernández foron as encargadas da realización dunha actividade tan interesante e necesaria para manter e conservar en bo estado as nosas pezas dentarias.

     Explicáronnos que una boa hixiene bucodental precisa de hábitos de cepillado, emprego de fío dental, enxaugues e visitas periódicas ao dentista e hixienista bucal. Sen deixar de lado o control da inxesta de alimentos ricos en azucre como os doces, as bebidas con gas … que provocan moitas enfermidades nos nosos dentes.

     Tamén nos falaron sobre a placa bacteriana, o sarro, a xenxivite e a carie dental, problemas ocasionados na maioría dos casos por unha incorrecta ou insuficiente hixiene bucal.
     Os xogos e as actividades realizadas resultaron moi divertidas e aprendemos moito!



Grazas por facer que fose divertido!




lunes, 4 de noviembre de 2019

SAMAÍN

 
      E… outro Samaín!

     Este curso con "Túnel do medo" moito máis grande. As cabazas lembráronnos,  unha vez máis, o significado desta tradición na que celebramos a fin da tempada de colleitas e o comezo da estación escura. Sen esquecer que é unha festa de apertura ao outro mundo.
   
   


Que medo!

Vaia disfraces!

lunes, 1 de julio de 2019

VIAXE A CASTRELOS

       Este ano a excursión fin de curso foi "Unha viaxe a Castrelos". Visitamos o Pazo, merendamos nos xardíns e para rematar xogamos no parque.

       O Museo Quiñones de León contén unha  colección de pintura galega e unha interesante sección de arqueoloxía. Os xardíns do Pazo son moi fermosos e merendamos nunha zona de sombra. Ao rematar fomos ao parque de lecer.

       Que ben o pasamos!


       Xardíns do Pazo de Castrelos
     

domingo, 9 de junio de 2019

XOGOS POPULARES VAL MIÑOR


   Este venres celebrouse no campo das Cercas de Gondomar a VIII edición da Xornada Escolar de Xogos Tradicionais e Populares do Val Miñor, resultando un éxito de participación e convivencia entre o alumnado de 4º de Primaria dos centros educativos da comarca miñorana.

   Un total de 315 alumnos/as compartiron unha mañá de xogos: peóns, rá, mariolas/cacho, canicas, chaves, goma, lombas, marro, pano, texo, carreira de sacos, aros, zancos, chapas ...

   Esta actividade non só permite a socialización a través do xogo, senón tamén o fomento da creatividade, curiosidade ... tendo como fío conductor os xogos cos que medraron en experiencias os nosos avós, e que a día de hoxe, foron substituídos pola tecnoloxía do entretemento.

"Ben polos Xogos Populares"



lunes, 6 de mayo de 2019

BAIONA, VILA MARIÑEIRA


   O alumnado de 3º e 4º de primaria do Ceip Serra-Vincios, realizamos unha visita guiada, da man da Promoción turística de Valmiemprego, por a vila de Baiona.

    Visitamos o museo flotante da Carabela Pinta e coñecemos as curiosidades que rodean ao feito histórico da Arribada.

   Fixemos un percorrido pola zona marítima: Paseo de Pinzón, Praia da Concheira, Monumento de Encontro entre dous Mundos, Paseo da Ribeira, lonxa  ... e Museo da Navegación.
 
   No Museo da Navegación escoitamos o fermoso relato sobre un pirata baionés chamdo o Pirata Oliveira da man de Rosa, a súa directora.


Alumnado na Carabela Pinta



martes, 23 de abril de 2019

BOSQUE DOS NEN@S


Plantamos árbores na Serra do Galiñeiro.

   O venres, día 12 de abril, estivemos no Bosque dos nen@s repoboando unha parte de monte que resultou arrasado polos incencios e precisa da axuda de tod@s para darlle vida de novo.

   Recibimos unha invitación  dos  responsables da Comunidade de Montes para recuperar e coidar unha parte do Galiñeiro.
 
   Plantamos diferentes tipos de frondosas: carballos, acivros, pradairos ... e aproveitamos a saída para visitar os Petróglifos de Auga da Laxe.




Agradecémoslle aos reponsables da Comunidade de Montes a súa invitación e axuda desinteresada!

martes, 26 de marzo de 2019

XORNADA DE TEATRO


Bon Appétit!

    Unha mestura de teatro, música, títeres e un texto de ernredo con moito xogo de palabras.
Comedia en clave de "clown" onde tres chefs "franceses" amosáronnos os segredos da cociña galega, seguindo o libro de Álvaro Cunqueiro.

"A cociña é arte, a expresión cultural que un pobo desenvolve ao longo do tempo".

 "A Cociña Galega" Álvaro Cunqueiro.



"Teatro Ghazafellos"

"Praza de Compostela" (Vigo)

domingo, 4 de noviembre de 2018

SAMAÍN


       E chegou o Samaín! 

       Esta tradición cultural, de orixe celta, onde se celebraba o final da tempada de colleitas e o comezo dunha etapa escura é motivo de festa de transición e apertura ao outro mundo.

       Froitas de outono, cabazas con candeas, altares con ofrendas, lembranzas dos seres queridos                                                                e    Festa de medo no cole!



"Exposición de cabazas"




martes, 30 de octubre de 2018

DÍA DE MAGOSTO



     O venres, día 26 de outubro, fixemos o Magosto no Galiñeiro.



     Este ano, para as nenas e os nenos de terceiro, foi diferente. Subimos camiñando por sendeiros que hai no monte e  chegamos ao merendeiro un pouco cansos. Construímos cabanas con paus, merendamos en grupos e comemos castañas asadas.

      O magosto, festa da que gozamos todos os anos, permítenos realizar actividades en grupo, saír do cole, buscar currunchos para xogar cos compañeiros e vivir unha xornada ao aire libre.




     Que ben o pasamos!



miércoles, 20 de junio de 2018

FESTA DA AUGA


        O luns, día 18 de xuño, recibimos a visita dos bombeiros do Val Miñor. Nós tiñamos previsto facer unha festa con xogos de auga e xa viñemos preparados ao cole.

        Despois dun simulacro de incendio, chegaron os bombeiros e falaron sobre a importancia que ten o seu traballo. Tamén nos amosaron o camión,  as ferramentas que empregan cando hai unha emerxencia e faláronnos do tipo de vestimenta que usan cando van apagar o lume.

       No entanto, antes de irse, molláronnos coa mangueira e quedamos moi fresquiños.

       Rematamos a actividade facendo xogos coa auga. Que fresquiños nos deixaron!


"Xa chegan os bombeiros ..."


"Que traballo tan interesante!"



CIENCIA E TECNOLOXÍA


       Os monitores da academia Friklab ofrecéronnos unha sesión de Ciencia e tecnoloxía. Resultou moi interesante utilizar as lupas, os microscopios, intentar crear pezas seguindo unhas instrucións, manexar aparellos de robótica ...

       Tamén había unha esfera de cristal que emitía luz que podiamos desviar tocando na superficie.
       Resultou moi interesante e divertido.


"Esfera luminosa"


ESPECTÁCULO DE MAXIA


       A semana pasada visitounos o" Mago Teto" e puidemos gozar dun fantástico espectáculo onde a maxia viaxaba a través da historía.

       O Mago amosounos xogos con cartas, panos, aros metálicos, moedas, vasos .... e a auga dunha xarra que non deixaba de botar nun caldeiro. Impresionante!

       Algúns dos nenos e das nenas que estaban no público axudáronlle cos trucos de maxia. Tamén invitou a algúns profes para que subiran ao escenario. Que risa!



"O espectáculo vai comezar"


"Maxia a través da Historia"


     
   

domingo, 10 de junio de 2018

UNHA XORNADA MOI ESPECIAL

Hai uns día nos comunicaron que fomos gañadores do premio do xurado do concurso de vídeos Creando Rural, no que participamos varias aulas do cole.

Este foi o vídeo que prensentamos, por se aínda hai alguén que non o viu  :)



O premio consistíu nunha excursión dun día compeleto a Fervenzaventura, un parque multiaventura situado moi preto de Silleda.

A verdade que estivemos toda a semana desexando que chegara o día... E non nos defraudou!

Aprendemos a disparar con arco, escalamos unha parede vertical nun rocódromo, tirámonos por unha tirolina, xogamos no bosque a distintos xogos tradicionais... 

Temos que dicir que foi para todos unha xornada moi especial na que gozamos de estar xuntos e da natureza!


domingo, 3 de junio de 2018

XOGOS POPULARES


       O venres participamos na  VIII Xornada de Xogos Populares do Val Miñor.
     
        As actividades realizáronse no Campo das Cercas en Gondomar. Participamos colexios de Baiona, Nigrán e Gondomar.

       Había vinte estacións de xogos: peóns, ras, mariolas,canicas, chaves, gomas, lombos de burro, petanca, carreira de sacos, zancos ... e por motivos climatolóxicos, chovía un pouco, comezamos a actividade un pouco máis tarde. Por este motivo non tivemos tempo suficiente para pasar por todas as estacións de xogos.  Que mágoa!

       No entanto, formáronse grupos con alumnos/as de distintos centros e puidemos compartir algunhas experiencias.

       Nós levamos a merenda e no descanso déronnos rosquillas "Cristaleiro" e unha botella de "Agua Sana".
                                                        Que ben o pasamos!


"Xornada de Xogos Populares"


jueves, 17 de mayo de 2018

UNHA VIAXE NO TEMPO

Aquí tedes a actuación do alumnado de 3º, creada e montada por eles mesmos, coa axuda da súa profe.

Un científico tolo, unha máquina do tempo e sete datas históricas que cobraron vida en forma de espectáculo de sombras chinesas.

Abride ben os ollos e os oídos para gozar da actuación. Señoras e señores, nenas e nenos, personas e personos... Unha viaxe no tempo!

martes, 20 de marzo de 2018

MEL DE GALICIA

Hoxe asistimos a unha charla moi interesante sobre O mel de Galicia. Beatriz veu falarnos da importancia destes pequenos insectos para o medio ambiente e do proceso para a obtención do mel.


Tedes que saber que só as abellas son capaces de fabricar este doce alimento e que, dependendo das flores que liben, o sabor do mel é diferente.




Durante a sesión coñecimos as partes dunha colmea, os utensilios que emprega o apicultor para extraer o mel dela e os tipos de abellas que hai e a súa organización aí dentro.


A charla rematou coas nosas dúbidas, que non foron pouco (Canto nos gusta preguntar!) e cun pequeno agasallo para cada un: un tarriño de mel para probar!


Saímos encantados... e moito máis expertos neste tema!

viernes, 16 de marzo de 2018

PRENSA E MULLER

Logo de varias sesións de traballo para analizar diferentes xornais, listar as seccións comúns, coñecer as partes dunha nova, buscar información sobre mulleres... Escribimos as nosas propias novas!


Cada grupo elixiu unha sección e unha muller que destacou nese campo (científicas, deportistas, actrices, pintoras...) e púxose mans á obra. 

O obxectivo desta tarfea é escribir un xornal colectivo, no que todos os cursos aportemos distintas novas. Que emocionante!




Atopamos toda a información que precisabamos no recuncho da planta baixa, no que había fondos sobre "Mulleres bravas da historia". A verdade é que hai unha chea de libros moi interesantes que dan a coñecer a estas valerosas mulleres.


Unha vez tiñamos todos os datos, escribimos as nosas novas (en papel e en formato dixital) e as levamos aos redactores xefes, os alumnos de 5º e 6º, que están maquetando o xornal.



Ademais, pegamos e clasificamos as nosas novas (segundo a CDU da nosa biblioteca) no taboleiro da planta baixa para que todos podades botalas un vistazo!




Estamos moi orgullosos do noso traballo!

jueves, 15 de febrero de 2018

O ENTROIDO TOMAS AS RÚAS DE VINCIOS

Este ano saímos lucir os nosos disfraces pola parroquia.
Aproveitamos o bo día para subir ata o atrio da capela de Santa Lucía ao ritmo da música, desfilando segundo a liña do tempo histórico.

Encabezando o desfile ían os dinosaurios da Era Terciaria, seguidos dos homes das cavernas, habitantes da Prehistoria. 



Logo, xa na Idade Antiga, íamos nós, os nobres do Antigo Exipto.


Tras de nós, os distintos estratos sociais da Idade Media: nobres, cabaleiros, campesinos, bruxas, bufóns... 


Xa na Idade Moderna, a conquista do oeste americano, representada polos Indios americanos.
 

E os nosos días, a Idade Contemporánea, estivo representada pola era Espacial... á conquista do espazo!


Aquí  vos deixamos un vídeo coas fotos deste Entroido tan histórico no que o pasamos estupendamente!

jueves, 8 de febrero de 2018

TRABALLANDO EN EQUIPO PARA CONFECCIONAR O DISFRAZ

Este ano, relacionado coa Historia, imos disfrazarnos de nobres do Antigo Exipto.

As profes prepararon os materiais necesarios para facer os traxes e nós traballamos duro para realizar cada unha das partes do disfrace.

Precisamos bolsas brancas, tea dourada, tea a raias dourada e azul, gomaeva (de varias cores con purpurina), cartolina dourada e trapillo marrón.

Tiñamos que facer todo o que se ve na seguinte imaxe e o mellor xeito foi o traballo en cadea por grupos, así fixemos todos os disfraces entre todos!
















Aquí tedes un vídeo coas fotos do proceso e do resultado. Así de guapos íamos cos nosos disfraces, cheos de ouro, epedras preciosas (rubíes, esmeraldas, zafiros...).