viernes, 23 de junio de 2017

GRACIAS POR EMOCIONARME CADA DÍA


Xa rematou o curso, un curso cheo de emocións.

Estes meses xuntos, aprendemos a abrir os nosos  corazóns e a deixarnos levar polos sentimentos (que non sempre é algo doado de facer). Pouco a pouco, démonos conta do importante que é recoñecer todo o que pasa dentro de nós para poder xestionalo o mellor posible.

Coma todos, eu tamén apendín cada día. Moito.

Os vosos sorrisos, sinceros e espontáneos, fixéronme pensar nese proverbio escocés que di que "Os sorrisos custan menos que a electricidade e dan máis luz", pois grazas a eles os días grises volvéronse amarelos (vós xa me entendedes!).

Charlando con vós (e foron moitas as ocasións que tivemos) puiden ver as grandes persoas que agochades nos vosos pequenos corpos. Sodes quen de chorar coas penas axenas, de indignarse ante a inxustiza, de compartir con quen máis o precisa, de facer fronte ás adversidades (porque os nenos tamén teñen que afrontar grandes retos, que ás veces os adultos pasamos por alto), de tender unha man a quen a necesita, de recapacitar e pedir perdón, de recoñecer os vosos puntos fortes e débiles, de traballar en equipo, de respectar (a todo e a todos), de aportar ideas para mellorar o mundo... Pero sobre todo, de poñerlle boa cara ao mal tempo.

Gracias por cada un dos momentos compartidos. Gracias por ensinarme tantas cosas. Gracias por rir, por chorar, por sorprendervos, por falar dos vosos medos... conmigo, con todos.

A vosa profe, que vos quere moito.

Irene


No hay comentarios:

Publicar un comentario