Hoxe viñeron ao cole dous Policías locais de Gondomar, Cristina e Simón, para falarnos sobre as normas de seguridade e de circulación cando montamos en bicicleta (porque aquí nos gusta moito facelo e se nos dá moi ben!).
O primeiro que aprendemos foi a colocar o sillín a altura adecuada para cada un. Ninguén sabía a fórmula, pero todos a aprendimos e a puxemos en práctica na clase:
Altura do sillín (cm) = Altura da entreperna (cm) x 0,88
Despois, explicáronnos con exemplos moi prácticos a importancia de ser visibles para o resto de vehículos e de levar todos os elementos de seguridade para estar protexidos en caso de accidente.
Tamén aclararon as nosas dúbidas sobre o tema, que foron moitas: O chaleco tameń hai que poñelo se montamos a cabalo? Podemos levar a alguén sentado no sillín da nosa bici? Temos que levar casco sempre?
Para rematar, explicáronnos como indicar as nosas maniobras en cidade ou carretera e as prioridades de paso entre peóns, bicis e o resto dos vehículos. Cantas cousiñas aprendemos!
As profes aproveitaron a ocasión para ensinarnos a entender unha denuncia de tráfico. Quedounos tan claro que ao día seguinte decidimos multar aos profes do cole por distintas infraccións de tráfico (ficticias, claro!).
Menudo susto levaron algún ao rematar as clases e ver a multa no parabrisas! ;)
No hay comentarios:
Publicar un comentario